Friday 29 de March de 2024

Feijóo recibe no Gaiás a 48 campións galegos en competicións internacionais


Garante que o Goberno galego seguirá traballando cos deportistas e axudando aos clubs e ao deporte de base

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu no Gaiás a 48 campións galegos en competicións internacionais. Na súa intervención, o titular da Xunta referiuse aos deportistas -de orixe galega ou que compiten pola Comunidade- como “a proba de que en Galicia hai talento, números un e xente que fai as cousas con rigor e fortaleza; de que tamén en Galicia hai deportistas que son un exemplo para España e para o mundo”.

A sala Eisenman da Cidade da Cultura reuniu os 48 atletas que foron quen de acadar durante 2013 e 2014, 14 campionatos do Mundo e 13 de Europa, así como 33 podios internacionais e tamén outros éxitos como dúas clasificacións para os Xogos de Río 2016. O xefe do Executivo galego cualificou de inmellorable esta carta de presentación e agradeceu o esforzo dos deportistas. “Somos un pobo acostumado a traballar e a esforzarnos”, dixo, logo de expresar o seu convencemento de que a Comunidade galega conta con equipo para nos Xogos de Río 2016 repetir os éxitos de Londres. “Con vós Galicia seguirá conseguindo podios, campionatos do mundo, de Europa e medallas olímpicas”, abundou.

O presidente amosou o seu convencemento do valor engadido que supoñen os deportistas para Galicia, así como da importancia do deporte como unha auténtica fonte de riqueza. Nesta liña, garantiu que o Goberno galego seguirá traballando cos deportistas e axudando aos clubs e ao deporte base.

“O deporte é unha forma de enfrontarse á vida, de vivir e de convivir”, resaltou, concluíndo que co Plan Galicia Saudable a Xunta insiste nos beneficios do exercicio físico.